30 de out. de 2012

piña


tampouco todos os días habían de ser bos

recoller non é máis que un modo
de mover
de remover
de xirar
de cambiar nada máis que de lugar

todo fica alí

levareino todo comigo á miña nova vida

hoxe,
sintome sobrar.

non sobrar no mundo
no mundo non.
aqui donde estou

incluso na miña habitacion, estorbo

por que carallo hai unha muller escribindo no ordenador mentres
mantas, batas, disfraces, zapatos,
faldas de verán e de inverno,
perchas, cremas, estolas, camisas,
un timbre do teatro,
corda de saltar,
cd's e dvd,s
libros
maqillaxe
(etcétera)
asolan unha habitacion que está tranquila pero imcomprensible
-como a dona-

tes que cambiar

si xa
tenta comerte esa piña

4 de ago. de 2012

nom sei

nom sei o que
é
A NATUREZA

nin onde
están
OS LÍMITES

onde remata a natureza
e comeza o que nom é
A NATUREZA

o que saiba a resposta
que tire a primeira pedra
A PRIMEIRA PEDRA
A PEDRA PRIMIXENIA

querer sabelo todo
é so unha maneira de morrer

querer sabelo todo

7 de jul. de 2012

rebaixas

somos modernos, postmodernos, contemporáneos. somos a cachos. nada nos importa e se nos importa facemos coma que non importa. calamos. non dicimos ren. poñemos o sorriso de reposto, o cinismo de reposto, outro anaco máis, etc. todo vale, todo tanto ten. ademáis somos libres, fortemente libres e independentes, libres de facer e desfacer, de foder e re-foder. de que nos fodan e nos re-fodan. todo e posible e todo é, de feito. logo chega a dor. a dor e libre, tamén. o que pasa e que é pouco moderna e para nada postmoderna. sen embargo, é contemporánea. contemporánea ou atemporal, coma os básicos do zara: non entra nas rebaixas.

27 de mai. de 2012

amor

o amor non debe de ser algo tan importante cando o pode facer todo o mundo. díxomo un camareiro de boiro. eu tiña 17 e el 50, 60. a min pareceume que aquel señor que cada sábado nos axudaba a emborracharnos era a persoa máis sabia do mundo. sen embargo adoptei esa frase -que ben podía ser del, como filósofo-, coma se fora tirada fóra da sabedoría popular, ata hoxe.(pausa). por que as cousas que pode fecer todo o mundo non son importantes é o que me pregunto agora.

27 de abr. de 2012

addio

o facebook aparece vestido de caravel vermello e soa unha mesma canción piques onde piques. a atracción desa idea é inmensa. unha metáfora tan forte que non parece real, inda que o fora. eu non estiven alí. eu nom sei. eu non sei se podo crer que unha mao sacara da chisteira o caravel que etc. en todo caso, a idea e poderosa. todos queremos ser a mao que etc. pero iso é toda unha vida. non é chegar e pum. non temos a valentia nin a coraxe (chamámoslle tempo, de cotío, e outras cousas que agochan outras). non temos. non nos gusta tanto o risco como gañar. e se cae a monarquía -que non vai caír- só me vai foder unha cousa: que se vaia ela: non tela feito marchar.

5 de abr. de 2012

nada

era a festa da primavera e eu tiña un periscopio que te cagas. polo periscopio víanse algunhas cousas que eu non quería ver. so que outras cousas estaban demasiado preto, e o periscopio non funcionaba ben de todo, víase todo distorsionado (demasiado preto, as cousas poden rozarche e jódese todo tipo de visión mínimamente obxectiva). para cando chegou a outra primavera pasara xa o verán, pasara o outono e ademáis pasara o inverno. a primavera estaba recén inaugurada e fixera unha calor que te cagas. na nova festa da primavera, polo periscopio víanse cousas que en fin, que de unha estar alí, demasiado preto, etcétera, pero estando así, lonxe, sen que ninguen te estea rozando a ti, en fin.
si. claro. non se entende nada.
diso vai, o asunto.

20 de mar. de 2012

merda

a celia, que estaba alí.

fundació miró
nunhas mesas acristaladas hai un papeliño que pon escrito MIRÓ, en letras de imprenta. o mesmisimo miró debuxou por riba do seu proprio nome (artistico). a lápiz. convertiu o I nun E, o O nun D, e engadiu un A, ao final. lese MERDA
sorrío
este miró pega tanto co meu pensamento!
celia di que cando o viu pensou xustamente en min. isa maneira de xogar-se, supoño
avanzamos. cousas das que gostamos e cousa que nom compartimos, pero sempre esa maneira de xogar-se. cadros grandes e pequenos e ises títulos marabillosos que de por si, en fim
logo celia fala da posibilidade dunha futura fundación carrodeguas
risas

e todo ise medo de non ser mais que merda.

18 de fev. de 2012

humana

documental en 'la 2'. branco e negro.

falan dunha crise non sei se porque estamos en crise.

a crise non é unha oportunidade coma no teatro do oprimido. a crise é unha merda.
vese xente que concursa en concursos de baile, a ver quen aguanta máis, bailando.
os que pagan van alí por ver como os mortos de fame morren tamén de cansanzo, e rin a escachar.
os pobres van por ver se deixan de ser pobres e a vindeira semana poden estar a rir a escachar do outro lado.
en todo caso van caendo como moscas mentres as mulleres ou os homes que lles fan parella tentan facelos sobrebailar.
dende logo é un espectáculo moi humano, no sentido intínseco da palabra humano: vemos esas cousas que só fan os humanos, e non outros animais. ademáis, é un espectáculo, algo que de por si tamén é bastante humano.

visto dende a distancia desta outra crise a toda cor, o espectáculo do espectáculo, quero dicir, o documental, resulta desagradable de ver. sen embargo, é un espectáculo: resulta dificil apagar o televisor. ficas ahí, mirando cos ollos entrepechados de noxo pra ises ricos porcallentos, como poden rir de tal cousa! etc.

no meu maxín a crueldade fai o resto.
estou no probador do zara (non me pagan, poño por poñer). miro no espello o bem que me queda este novo vestidiño que vou mercar de rebaixas por 6,99. non me parto o cu, pero si que esboza a miña boca un rictus de alegría (sempre quixen escribir nalgures a palabra rictus). detrás do espello, na metáfora do espello, está toda esa merda que está detrás de zara (etc). eu miro para toda esa merda e río.

como podo rir de tal cousa.

6 de jan. de 2012

carapuchiña vermella

*exercicio de estilo*
(ou como o meu pensamento trilla as historias)

topou co lobo
xogou

resultou que o lobo era un fillo de puta
ou que xogaba a outro xogo

ela jodeuse
o lobo tamén