30 de jun. de 2011

medo

o consumismo, a globalización, o capitalismo (o capital?), a televisión (os mass-media), a compra-venda, a bolsa (da compra?), o mercado (de abastos?)

contra todo isto (así, en massa, sen entrar en localismos) teño certas opinións que varían de grao en función de variables como o nivel de hormonas, a fase menstrual, a estación do ano, o sono, o nivel de sexo practicado, o nivel de humidade no ambiente, o tempo que fai que non vexo o mar

en todo caso (a pesar de) fan-me desejar

23 de jun. de 2011

xenealoxía (apuntamentos, ideias)

un) conversión do que era meramente piramidal, xerárquico -preconcebido incluso- nunha especie de masa desconxelada e desleixada de familiares que nin o son, que son amigos e examigos e amantes e examantes -e outros varios- que son máis familia que a familia pero menos familia que a familia; unha nova xenealoxía que no canto de se escribir en dixital se escribe cun lápiz de merda que ten por detrás unha desas gomas de merda que non é quen de borrar de todo nada.

dous) a familia sempre medra.
antes con cada vez máis fillos e máis netos.
agora con cada vez máis pais e máis avós.

22 de jun. de 2011

país

(conto para ler moi baixiño)

hai un anxo diante que che invita
seino porque o lin nun conto moi pequeniño
tan pequeno que non di nada sobre como é un paraíso
moito menos como é cando está en ruínas

é posible que o anxo non diga nunca que está en ruínas
que che invite ao paraíso e ti tragues co conto
quen di que os anxos din toda a verdade?

se as ruínas son un erre, un a e un o
-p-a-r-a-í-s-o- queda en -p-a- - -í-s- -

iso é o que máis medo me da
que calquera país sexa un paraíso en ruínas

(fragmento de "subir o telón". 2006)