31 de dez. de 2014

poema achampañado

comer uvas
e brindar
e cantar que viva españa!
comer uvas
esquecer
limpar pasados
que os pasador
doen menos
ben purgados
con champaña
comer uvas
desexar
para o novo ano
menos quilos
e máis cartos

escribir un poema
en fin de ano
un poema
si
un poema case en branco
un poema achampañado
un poema para sempre
en fin de ano

non meter a mato
dimitindo o ébola
nin a mas
na uva nove
nin a podemos na oito
nin a felipe na seis
non meter a bárcenas
nin a pujol
nin a blesa
nin a fabra
non meter nada de nada
nin o fútbol fracasando
nin a urdangarín
rimando con champín
(para os pequechos
da casa)
non meter
á pantoja no cárcere
digo
no poema
non usar transparencias
nin de ley
en fin de ano
non rimar mordaza
con caza
digo
casta
digo
non
pagar
este poema
con tarxetas ilegais
nin invitar sequera
por acaso
ao pequeno Nicolás

escribir un poema
que se poida compartir
na social net
cada ano
en fin de ano
que total
ninguén se acordará
xamais
xamais
xamais
dos poemas escoitados
dos pasados

o bo
deste poema
achampañado
é poder aproveitalo
cada ano
en fin de ano
non gastar palabras
non gastar letras de máis
non gastar apenas nada

recortar en cultura

un ano máis

7 de nov. de 2014

(noite de poesia)

trátase de lanzar
poesía

silencio
branco e negro
poesia ao mundo
preguntome
canta xente
canta
estará
agora mesmo
en boiro
fora de boiro
no mundo
se a xente que escribe o fai así
o primeiro que sae
se non

non me copies
escoito

e somos nada máis que cativos medio grandes
(uns máis ca outros()
a xogar coas palabras

diso viñamos falando,
no coche

con marina

diso mesmo
de xogar e facer
os sábados pola mañá
ou cando sexa

deixolle o sito, a ela.
aquí.

mesmo hai que compartir o ordenador
así mesmo é
como na vida

20 de set. de 2014

moscas

pregúntome
onde van as moscas, cando morren

duran un día e medio
-iso din-

a elas debe de facérselle eterno
(supoño)
como a nós a vida

onde van?
desaparecen?
ninguén as enterra e eu quero saber onde están

no meu cuarto voan moitas veces 5 ou 6
parecen 40
pero deben de ser 7, ou 8
nunca vexo os seus cadáveres

non deixan lixo
nin vivas nin mortas

non lles fai falta reciclar
teñen esa sorte:
non se preocupan por meter os envases no colector amarelo

a vida non se fixo para aforrar en nada
nin sequera se fixo para reciclar

acendo a luz
ben podería subir a persiana e non gastar 5 minutos de lámpada
pero acendo a luz

empeza mal o día
nin unha mosca no chan:
outra vez conseguiron o milagre

teño que mirar en internet
como é
que fan
como fan para non preocuparse de nada
e sobre todo
para voar

as moscas non van ao alcampo
non madrugan para traballar
non van ao ximnasio
non quedan sen batería o dia D
e non fan asembleas
nin reunións
nin constitucións.
nin sequera van votar  unha vez cada catro anos
e non lles importa
aínda máis: non lles importa o partido que nos goberne a nos
(está por ver se lles dá mellor vida o pp, o psoe ou podemos
non hai estatísticas ao respecto)

que pensarán sobre a independencia de catalunya?

hai mosca que morren por sprays asasinos
outras morren debaixo da reixa do matamoscas manual
outras non sei

molestan

moléstanos case todo
a nós

moléstanos aburrirnos
e aos veciños
moléstalles que nos divirtamos:
cando te divirtes moito
sempre podes apreciar
(se te fixas)
alguén que se molesta

é un dato pouco esperanzador

pero é verdade:
so hai que fixarse:
é desas cousas nas que non reparas
ata que te fixas ben

como no das moscas
que nunca están
no chan

15 de jul. de 2014

Patronaxe

De pequena gostaba de facer patronaxe coa miña nai. Había uns pósteres no centro das revistas que se abrían como mapas infinitos dos que saían saias e pantalóns, vestidos. Era incríbel pensar que toda aquela roupa collera dentro daquelas liñas entrecruzadas. Poñías o papel enriba, buscabas as referencias, seguías a liña, escollías a talla e ías sacando a peza. Un pracer inmenso, o de DESCRUBIR. E cando por fin tiña o debuxo completo (algo que pode facer calquera, sen excepción) ficaba orgullosa de ter feito tal cousa, contenta de ser capaz, de comprender, de ter sido quen de mirar de outra maneira, de ter conseguido ordenar os datos para sacar algo produtivo daquela beleza en bruto.


Hai algo de todo isto no mirar unha boa obra de teatro.

19 de jun. de 2014

O principiño

Dende moi pequena soñei que o día en que morrera El Rey o principiño había de dicir:
-Morreu o conto, acabouse a peseta, deixemos atrás esta pantomima: acabouse: caput: se finí. Viva a república!
Non podía entender de ningunha maneira (dende nena, digo) que alguén da nosa quinta (entendendo quinta nun sentido amplo, dende logo) prolongara a agonía dun sistema evidentemente podre, anacrónico.

Hoxe morreume unha ilusión.

Felipe: por qué non mandaches todo a tomar polo cu ao golpe de: veña, fagámolas cousas ben, por unha vez. Tiveches a oportunidade de facer historia en positivo e construíches un elo máis. Escribes en pasado, Felipe. Andas ancorado. Ti, que puideches ser o meu heroe.

E cando miro á cativa que che acompaña e que baixa a cabeciña ante a bandeira e que vive unha vida (literalmente) de princesiña, aínda penso: quizais ela, que é muller, cando lle chegue o día, diga:
-Morreu o conto, acabouse a peseta. Deixemos atrás esta pantomima: acabouse: caput: se finí. Viva a república!

20 de abr. de 2014

CORRER

cando estamos nerviosos o noso corpo cré que hai un león diante.
non é unha broma, é algo ancestral: cré que hai un león diante.

pónsenos a adrenalina a bailar e cagamos pola pata abaixo para alixeirar peso (para a corrida)

polo cal:

resulta estúpido aguantar os nervios no sofá sen poder durmir:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido fumar un pitillo tralo outro:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido tupirse a comer porcalladas:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido coller un avión tentando escapar de metafóricos leóns:
o-ÚNICO-que-pretende-o-teu-corpo-é-CORRER