25 de fev de 2017

trump

trump á mañá
e á hora do vermú
e pola tarde
á hora da merenda
e á cea

trump
ate na sopa
do bar da esquina
comendo un menú
do día a día
e de sobemesa
trump con nata
filloas de trump con sirope de chiculate
flan de trump
trump con marmelo
tarta de tres trumps

non hai maneira de que se acabe a ración
de trump
e se non che gusta:
dúas cuncas
de trump
dúas cuncas
e recuncas inda que non queiras
porque trump…
trump queda no forno
como as lentellas
cando eras cativa
ficaban no forno
sempre para despois

trump está sempre aí
tamén cando dormes
e ti érgueste
fresca coma unha leituga
coma se fose un día novo
coma se un día novo fose
mais pronto descobres
que segue aí
trump
a carón do almorzo
co seu tupé
a rentes das torradas
que se colocan en pe
coma muros

trump non durme
por iso non é coma ti
el está sempre aí
trump aparece en calquera lugar
onde menos esperas toparte con el
aparece
ten o poder da aparición
como a virxe
ten o poder da ubicuidade
tamén
trump é divino
omnipresente
omnipotente
omninconsciente

trump

18 de nov de 2015

10 minutos de silencio

1 minuto non chega a nada
Non da tempo a pasar o límite do pensamento habitual

Fico calada
1 minuto e outro e outro
Tamén porque non teño nada que dicir

10 minutos de silencio
E a voz non sae
Quizais aínda preciso un pouco máis
Outros 10 minutos de silencio
Si
10 minutos máis nos que ver  un vídeo
Que hai no youtube
Que explica todo en 10 minutos

Despois dos segundos 10 minutos
Aínda quedo un pouco máis de tempo en silencio
E logo pregunto a quen está ao meu lado
Se entendeu
O que eu non entendín
En 10 minutos
E temo non poder entender
Nunca xamais

O mundo escorrega entre as engurras do meu pensamento
A masa gris non da
Non é cuestión de tempo
É cuestión de pensamento
De pensamento racional
Do racional que son
Como entender?

Calo
Non teño nada que dicir
Non me saen nin os berros
De tanto non comprender

Veña
Un esforzo sther
Outros 10 minutos de silencio
Porque hai outro vídeo
Que explica en 10 minutos
Os erros fundamentais
Do primeiro vídeo de 10 minutos

Sumo minutos de silencio
Minutos e minutos e minutos e minutos
De silencio
Porén
Non entendín nada de nada
E
Non sei nin como preguntar
Nin que preguntar
Non sei como podo ser tan parva
Para non entender
O que todos parecen ter tan claro
Non sei se é cuestión de información
Dubido
Non sei se son ignorante nada máis

Alivio

Éme fermoso pensar
Por un segundo
Que me falta Wikipedia
Nada mais
10 minutos máis de Wikipedia
E quizais
Poida
Comprendelo
Todo
Todo
Todo

Asumo
10 minutos de silencio despois
Que me faltan outros 10
(Polo menos)

E pouco a pouco perdo a conta dos silencios
E aínda non teño nada que dicir



22 de mai de 2015

política primaria

fago política primaria:
política do día a día

fago política primaria
cada vez que cociño
cada vez que fago o amor
o sexo
cada vez que escoito música
cada vez que miro o mar
cada vez que durmo
en hoteis de mil estrelas
cada vez que vou de compras
e decido...

cada vez que decido
fago política
primaria

fago política primaria
cando traballo
cando estudio (ao mesmo tempo)
cando fago teatro
cando escribo
un poema
nunha lingua
e non en outra
cando escribo
un poema
que conta unhas cousas
e non outras
fago política cando creo
(de crear)
e a creación
é tamén no que máis creo
(de crer)

fago política primaria
cando lles digo aos máis pequenos
-e pequenas-
como penso
sen pensar nin un segundo
en como pensan eles
para ver se lles abro
o pensamento
a outros mundos
que se cadra non coñecen

fago política primaria.
tento non diferenciar
nin por sexo nin por nada
cada día
tento
e non é fácil

fago política primaria,
e protesto
en voz alta
tamén por dentro.
e xa sei que protestar é pouca cousa

fago política primaria:
tento estar atenta
para non caer en erros fundamentais
tomo café
para estar esperta
mesmo cando durmo
para non soñar soños peores
do que temos neste mundo

fago política primaria
porque ademais de querer
non se pode non facela
estar no mundo xa é
politicamente
incorrecto

fago política primaria,
que remedio!
e son diplomática
día a dia

fago política primaria...
e qué difícil é ser coherente
non roubarse unha a si mesma
o tempo perdido
non roubarse os cartos das cousas serias
para un par de birras pola noite

fago política
como podo
moitas veces
infrinxo as miñas normas
e cambio de chaqueta
mentres vou madurando
de cara aos corenta

fago política primaria
e si: fago apoloxía:
fago apoloxía
da creación
como maneira para a vida
e fago apoloxía
desta política
primaria
do día a día




31 de dez de 2014

poema achampañado

comer uvas
e brindar
e cantar que viva españa!
comer uvas
esquecer
limpar pasados
que os pasador
doen menos
ben purgados
con champaña
comer uvas
desexar
para o novo ano
menos quilos
e máis cartos

escribir un poema
en fin de ano
un poema
si
un poema case en branco
un poema achampañado
un poema para sempre
en fin de ano

non meter a mato
dimitindo o ébola
nin a mas
na uva nove
nin a podemos na oito
nin a felipe na seis
non meter a bárcenas
nin a pujol
nin a blesa
nin a fabra
non meter nada de nada
nin o fútbol fracasando
nin a urdangarín
rimando con champín
(para os pequechos
da casa)
non meter
á pantoja no cárcere
digo
no poema
non usar transparencias
nin de ley
en fin de ano
non rimar mordaza
con caza
digo
casta
digo
non
pagar
este poema
con tarxetas ilegais
nin invitar sequera
por acaso
ao pequeno Nicolás

escribir un poema
que se poida compartir
na social net
cada ano
en fin de ano
que total
ninguén se acordará
xamais
xamais
xamais
dos poemas escoitados
dos pasados

o bo
deste poema
achampañado
é poder aproveitalo
cada ano
en fin de ano
non gastar palabras
non gastar letras de máis
non gastar apenas nada

recortar en cultura

un ano máis

7 de nov de 2014

(noite de poesia)

trátase de lanzar
poesía

silencio
branco e negro
poesia ao mundo
preguntome
canta xente
canta
estará
agora mesmo
en boiro
fora de boiro
no mundo
se a xente que escribe o fai así
o primeiro que sae
se non

non me copies
escoito

e somos nada máis que cativos medio grandes
(uns máis ca outros()
a xogar coas palabras

diso viñamos falando,
no coche

con marina

diso mesmo
de xogar e facer
os sábados pola mañá
ou cando sexa

deixolle o sito, a ela.
aquí.

mesmo hai que compartir o ordenador
así mesmo é
como na vida

20 de set de 2014

moscas

pregúntome
onde van as moscas, cando morren

duran un día e medio
-iso din-

a elas debe de facérselle eterno
(supoño)
como a nós a vida

onde van?
desaparecen?
ninguén as enterra e eu quero saber onde están

no meu cuarto voan moitas veces 5 ou 6
parecen 40
pero deben de ser 7, ou 8
nunca vexo os seus cadáveres

non deixan lixo
nin vivas nin mortas

non lles fai falta reciclar
teñen esa sorte:
non se preocupan por meter os envases no colector amarelo

a vida non se fixo para aforrar en nada
nin sequera se fixo para reciclar

acendo a luz
ben podería subir a persiana e non gastar 5 minutos de lámpada
pero acendo a luz

empeza mal o día
nin unha mosca no chan:
outra vez conseguiron o milagre

teño que mirar en internet
como é
que fan
como fan para non preocuparse de nada
e sobre todo
para voar

as moscas non van ao alcampo
non madrugan para traballar
non van ao ximnasio
non quedan sen batería o dia D
e non fan asembleas
nin reunións
nin constitucións.
nin sequera van votar  unha vez cada catro anos
e non lles importa
aínda máis: non lles importa o partido que nos goberne a nos
(está por ver se lles dá mellor vida o pp, o psoe ou podemos
non hai estatísticas ao respecto)

que pensarán sobre a independencia de catalunya?

hai mosca que morren por sprays asasinos
outras morren debaixo da reixa do matamoscas manual
outras non sei

molestan

moléstanos case todo
a nós

moléstanos aburrirnos
e aos veciños
moléstalles que nos divirtamos:
cando te divirtes moito
sempre podes apreciar
(se te fixas)
alguén que se molesta

é un dato pouco esperanzador

pero é verdade:
so hai que fixarse:
é desas cousas nas que non reparas
ata que te fixas ben

como no das moscas
que nunca están
no chan

15 de jul de 2014

Patronaxe

De pequena gostaba de facer patronaxe coa miña nai. Había uns pósteres no centro das revistas que se abrían como mapas infinitos dos que saían saias e pantalóns, vestidos. Era incríbel pensar que toda aquela roupa collera dentro daquelas liñas entrecruzadas. Poñías o papel enriba, buscabas as referencias, seguías a liña, escollías a talla e ías sacando a peza. Un pracer inmenso, o de DESCRUBIR. E cando por fin tiña o debuxo completo (algo que pode facer calquera, sen excepción) ficaba orgullosa de ter feito tal cousa, contenta de ser capaz, de comprender, de ter sido quen de mirar de outra maneira, de ter conseguido ordenar os datos para sacar algo produtivo daquela beleza en bruto.


Hai algo de todo isto no mirar unha boa obra de teatro.