22 de mai. de 2015

política primaria

fago política primaria:
política do día a día

fago política primaria
cada vez que cociño
cada vez que fago o amor
o sexo
cada vez que escoito música
cada vez que miro o mar
cada vez que durmo
en hoteis de mil estrelas
cada vez que vou de compras
e decido...

cada vez que decido
fago política
primaria

fago política primaria
cando traballo
cando estudio (ao mesmo tempo)
cando fago teatro
cando escribo
un poema
nunha lingua
e non en outra
cando escribo
un poema
que conta unhas cousas
e non outras
fago política cando creo
(de crear)
e a creación
é tamén no que máis creo
(de crer)

fago política primaria
cando lles digo aos máis pequenos
-e pequenas-
como penso
sen pensar nin un segundo
en como pensan eles
para ver se lles abro
o pensamento
a outros mundos
que se cadra non coñecen

fago política primaria.
tento non diferenciar
nin por sexo nin por nada
cada día
tento
e non é fácil

fago política primaria,
e protesto
en voz alta
tamén por dentro.
e xa sei que protestar é pouca cousa

fago política primaria:
tento estar atenta
para non caer en erros fundamentais
tomo café
para estar esperta
mesmo cando durmo
para non soñar soños peores
do que temos neste mundo

fago política primaria
porque ademais de querer
non se pode non facela
estar no mundo xa é
politicamente
incorrecto

fago política primaria,
que remedio!
e son diplomática
día a dia

fago política primaria...
e qué difícil é ser coherente
non roubarse unha a si mesma
o tempo perdido
non roubarse os cartos das cousas serias
para un par de birras pola noite

fago política
como podo
moitas veces
infrinxo as miñas normas
e cambio de chaqueta
mentres vou madurando
de cara aos corenta

fago política primaria
e si: fago apoloxía:
fago apoloxía
da creación
como maneira para a vida
e fago apoloxía
desta política
primaria
do día a día