9 de jan. de 2009

A tortilla

Pelaba as patacas. No salón, a berros, Obama pasaba de ser o salvador do mundo a ser un produto de merchandising. Para min, no meu silencio de aceite a punto de quentar, Obama é unha cortina de fume como a que sae da tixola: coma a pisada do home na lúa: escóndense quen sabe que cousas detrás dunha nova que mediáticamente fai vibrar a todo o mundo -non é unha expresión, é todo o mundo. No salón continúan a berros nos que Obama pasa de ser o salvador do mundo a ser un produto de merchandising. No meu silencio de patacas de cara ao aceite, decátome que tanto ten, de que total estamos todos equivocados, porque o mundo non se pode entender, non se pode saber -e menos a través dos medios de comunicación.
Antonte descubrin a miña primeira mentira, aquí. Aurora Intuxausti non é quen escribe eses artículos no país. Cada día escribe un; hoxe, por exemplo, Rocío García. Fiquei decepcionada, por ter mentido, e porque o traballo ao que aspiro, deixou de existir. Por se fora pouco, as trenciñas de macramé, na India, non se chaman Lulú; chámanse Lulú e hebreo, pero como a India sufre unha pequena invasión israelita, pois ás cousas de turistas xa lle chaman na lingua dos turistas -isto díxomo Belén, a que estivo na India, e que agora ven de Israel, precisamente, e ten tamén unha opinión sobre Obama e Israel que non recordo (as patacas estábanse queimando) pero que non é boa.
E se eu non son quen de contar cousas de verdá... como o van facer os que xa de por si queren mentir?

A tortilla quedou crúa, como a vida. Desfacíase no tenedor, había que collela con coidado, como a vida. Estaba boa, coma a vida, máis non se sabe nunca se che vai sentar ben ou mal, se vas comer de máis e vas empachar. De vida.

Nenhum comentário: