25 de fev. de 2017

trump

trump á mañá
e á hora do vermú
e pola tarde
á hora da merenda
e á cea

trump
ate na sopa
do bar da esquina
comendo un menú
do día a día
e de sobemesa
trump con nata
filloas de trump con sirope de chiculate
flan de trump
trump con marmelo
tarta de tres trumps

non hai maneira de que se acabe a ración
de trump
e se non che gusta:
dúas cuncas
de trump
dúas cuncas
e recuncas inda que non queiras
porque trump…
trump queda no forno
como as lentellas
cando eras cativa
ficaban no forno
sempre para despois

trump está sempre aí
tamén cando dormes
e ti érgueste
fresca coma unha leituga
coma se fose un día novo
coma se un día novo fose
mais pronto descobres
que segue aí
trump
a carón do almorzo
co seu tupé
a rentes das torradas
que se colocan en pe
coma muros

trump non durme
por iso non é coma ti
el está sempre aí
trump aparece en calquera lugar
onde menos esperas toparte con el
aparece
ten o poder da aparición
como a virxe
ten o poder da ubicuidade
tamén
trump é divino
omnipresente
omnipotente
omninconsciente

trump

Nenhum comentário: