19 de jun de 2014

O principiño

Dende moi pequena soñei que o día en que morrera El Rey o principiño había de dicir:
-Morreu o conto, acabouse a peseta, deixemos atrás esta pantomima: acabouse: caput: se finí. Viva a república!
Non podía entender de ningunha maneira (dende nena, digo) que alguén da nosa quinta (entendendo quinta nun sentido amplo, dende logo) prolongara a agonía dun sistema evidentemente podre, anacrónico.

Hoxe morreume unha ilusión.

Felipe: por qué non mandaches todo a tomar polo cu ao golpe de: veña, fagámolas cousas ben, por unha vez. Tiveches a oportunidade de facer historia en positivo e construíches un elo máis. Escribes en pasado, Felipe. Andas ancorado. Ti, que puideches ser o meu heroe.

E cando miro á cativa que che acompaña e que baixa a cabeciña ante a bandeira e que vive unha vida (literalmente) de princesiña, aínda penso: quizais ela, que é muller, cando lle chegue o día, diga:
-Morreu o conto, acabouse a peseta. Deixemos atrás esta pantomima: acabouse: caput: se finí. Viva a república!

Nenhum comentário: