28 de fev. de 2011

reme-amor-ando (i)

dixo que chegara andando e que so se movía cos seus pes. ía na contra do fume ou algo así: unha postura vital na contra de todo: unha maneira de pensar na contra. a min pareceume fermosíssimo, aquilo; eu que tamén vou na contra de todo (?). el representaba ise desexo de ser tan puro -sen poder, eu (sen querer?). non comía pan de molde (porque claro etc).
fomos amantes ou amores ou que sei eu. iamos en bus a buscar un coche que nos levara a durmir á praia a pesar do cal xamáis deixer de velo como aquel homiño fermosíssimo que se movía só cos seus pes e non votaba fume no mundo.
o último día que o beijei, collemos un coche que nos levou ao aeroporto. collemos o avión e baixamos en bus ao centro (porque eu era unha frouxa ou algo así). non recordo se collemos tamén o metro pero durmimos nun hotel (por suposto porque eu era unha re-frouxa e non podía durmir á intemperie). na mañá fomos almorzar a un bar e doulle ao sandwich porque nese seu país estaban demasiado bos (os conservantes?). acompañeino á estación de tren. eu marchei á de bus e collín ademáis un taxi que me deixou nun hotel de mil estrelas (a polar, orion, e 998 máis).
supostamente as nosas vidas ían seguir unidas mentres estiveramos a gusto, xuntos. non souben ver que en realidade as nosas vidas xa non estaban unidas porque xa facía tempo que non estábamos a gusto, xuntos.