24 de nov de 2009

oda ao talento

(recordo a miña nai dicido e volvendo repetir:
ni es como ni es cuando ni es donde, ni repetir la palabra.
para ela)

escribira un conto fermoso sobre dun anxo de rastas e mandíbula cadrada
-en realidade o conto ía sonbre min, coma de costume.
podería ser un dos meus mellores contos.
regaleillo polo meu precumpreanos.
respondeu cunha mensaxe, dicía:
segue escribindo, sther: tes talento.
eu sigo escribindo
-tampouco sei non escribir.

teño que escribir esta oda ao talento.
é un imperativo.
escribir por que che da a gana e escribir porque cho mandan non é o mesmo.
teño que decidir se o talento me serve só para cando escribo o que me sae do cu
ou se tamén podo turrar del cando se me obriga:

efectivamente turro del sempre:
non sei como deixalo atrás.

o talento non é unha inspiración
o talento non é unha facilidade
pode que o talento sexa unha necesidade
o talento pode ser unha dedicación
non se pode nacer, co talento
o talento pode ser só unha trampa
o talento non sempre é
o talento hai que mimalo (tamén hai que alimentalo)
o talento é unha felicidade
o talento é un ingrediente (fan falta outros ingredientes, fai falta lume, fai falta unha man a remexer a pota, fai falta alguén que coma o caldo)
o talento non fai falta
de feito o talento pode sobrar, tamén
non sei o que é o talento
o talento é un órgano do corpo
non estudei nunca xamáis onde se atopa, o talento
o talento tamén é unha concentración
o talento é un amor
o talento é un mar
o talento é unha ola
o talento é unha enerxía
o talento é unha dirección
o talento son uns zapatos de tacón
o talento é un xeito de camiñar
o talento son uns ollos ben abertos
o talento é unha esponxa

si. o talento é unha esponxa

Nenhum comentário: