26 de dez. de 2008

Azul

A navidá ten moitas cores. Marrón turrón. Vermello papá noel. Verde el corte inglés. Negro fin de ano. Dourado -moito dourado.
Pero este ano, trunfa o azul. Un azul autopista. Primeiro porque abriron a autovía do Barbanza, e todos falamos dela, do rápido que se chega aos sitios, das novas rotondas redondiñas como bolas de navidá. Pero sobre todo porque as cidades rezuman azul brilante, esperpéntico, rechamante. Azul dor. Azul enfermidade.
Témome que é unha nova enfermidade política que manifesta os seus síntomas na cor que vesten as nosas cidades -e tamén as vilas, chegou tamén a elas. Din que trouxeron esa cor para rebaixar o consumo de electricidade, pero eu non mo creo. É unha enfermidade. E as outras luces, as de toda a vida, gordiñas e sás como a estrella galicia antes de facer a dieta, deben estar agora en cemiterios de luces. Morreron todas. Fican caladas, acurrucadas. Asasinadas. Os políticos din que é Azul ecoloxía. Non mo creo.
Feliz navi-dead (léase feliz navidiz).

21 de dez. de 2008

Ray

Agora Ray Loriga escribe no Pais Semanal. Escribe na mesma casilla que Javier Cercas. Comparten cama. E por iso o sei, porque tentando un desliz con Javier, que é o único sexo literario que eu teño coa prensa habitualmente... atopei a Ray na cama.
Hoxe foi a súa estrea, e comeza: se inventan unha máquina do tempo eu querería que me colocaran ao lado de Cole Porter. Curiosamente eu, se a inventan, querería estar ao lado de Ray. De Man Ray, non de Ray Logira, pero en fin, co que a min me gustan os xogos de palabras... Claro que non estaría mal estar ao lado de Man Ray escoitando a Cole Porter, e co que se cocería entre nolos tres, se cadra Loriga podía dar comezo a unha nova novela. Sempre quixen que él me fotografara, Man. Sempre quixen ser Kiki de Montparnase -pero para iso fai falla unha máquina un pouquichiño máis sofisticada. Sí. Ela era a súa amante -e quen sabe de cantos máis. Ela era a súa musa -e quen sabe de cantos máis. Ela ten corpo de violín e lágrimas de diamante -cando a toca él, coa súa cámara. Ela é unha das imaxes dos anos 20, ela está dentro do surrealismo, máis dentro que os que o crearon. Porque ela é un ingrediente máis que unha cociñeira. É foriña para o pan.
Si. Cando o acelerador de partículas estea a punto, que me poñan alí, dentro do seu corpo.

http://www.espacioluke.com/2008/Mayo2008/marin.html

17 de dez. de 2008

A historia de Lola

Fai tempo que quero facer unha curta sobre unha moza que traballa como "mercadora". O asunto sería facer sentir ao espectador que cando vai a zara (por poñer un exemplo), entre toda a xente que está a mercar, hai algúns que fan o paripé, por un pouco de gran a fin de mes. Xa teño moitos personaxes e todo iso. Unha protagonista que se chama Lola. Algúns días Lola remata no cárcere por ladroa. Outros días faise adicta ao consumo. Sempre cousas malas, porque a historia que quero contar é a dun traballo de merda xenerado por unha sociedade de merda. A historia dunha mentira nunha sociedade de mentira(s). Pero non me sae. E o que non me gusta é que a historia que quero contar non a dou contado, que o que conto cando conto esta historia é outra cousa. É, por exemplo, a historia dunha rapaza que se volveu tola. Pero non é a historia de como a sociedade nos corrompe. Cando lle conto a alguén a historia de Lola, téñolle que explicar a qué ven esta historia, explicar que o que quero contar e tal e cual. Pero así é aburrido. O problema é que un nunca sabe o que acaba de contar cando conta historias, nunca se sabe de que se fala, nunca se sabe onde te pillaron as palabras para andar máis adiante ca ti; pero velaí van, felices.
Fai tempo que quería contar esta historia sen ter que explicala. Non sei cómo.

7 de dez. de 2008

Carne

Rematou cineuropa. O maratón chamábase Carne, así que ademais de ficar triste porque se foi un ano máis, novembro, fiquei con ganas de. Ás cinco da mañá os churros xa non eran churros e non se mollaban en chocolate. A min este título sen embargo tróuxome ao maxín estoutra historia baseada en feitos reais que hai que cociñar con moito ketchup: Ana e mais eu xogábamos ao baloncesto, case todas as tardes. Había un tipo que xogaba conosco, vello -uns 30-, que lle dicía sempre "miña grrraíña". Un día decidimos facer un botiquín por se pasaba algo: unha caixa fermosa empapelada de cores que poñía botiquín. Pero nunca pasaba nada. Así que outro día, precisamente na parede da casa do mar de rianxo, decidín raspar o dedo ate sangrar para podermos usar o botiquín. Pena que esta historia non ten un final. E que non se sabe por qué aparece o vello ao principio se non se usa para nada. Habería que quitalo. Pero non podo, poque xogar ao baloncesto está unido a él, na miña cachola. Se cadra o problema é que esto non é unha historia. Ou se non sempre podo dicir que é unha historia "de autor", que é a mellor escusa para facer o que che da a gana, coas historias. E iso é precisamente o que a min máis me gusta: facer o que me da a gana.

3 de dez. de 2008

Rene. Lulu.

Onte no cinema chegou unha rapaza cunha trenziña de macramé como a miña, incriblemente igual que a miña. Pareceume tan raro que me saiu da ialma: oes, tes unha trenza igual que a miña! Faleille en inglés, porque vira que antes non era quen de falar coas azafatas por mor das entradas. Quedou un pouco extrañada: alguén que non coñeces de nada fálache de trenzas en inglés (?). De feito é raro ter unha trenza así, díxenlle, aquí. Dixo que lla fixeran na India, o cal non me extrañou. Tamén a min ma fixeron -un pouco- na India, porque ma fixo Belén, que viña da India, e que me trouxo coa trenza mil historias e foi como estar -un pouco- na India. Dixo que na India, estas trenzas, se chaman Lulú -que fermoso! Logo falamos de cousas, as dúas falando de cousas ao ár cos ollos abertos, sen saber por qué. Ela esperaba polo mozo que non daba chegado e subía e baixaba e seguíamos falando de cousas.
O mozo chegou, a película comezou. Eu non estaba segura de poder ficar ate o final, porque tiña un apuntamento. Así que argallaba na mente a maneira de poderlle deixar o meu número, ou o meu email, porque sentía que tiña que falar aínda de cousas, con ela. Dicíame, pois escribo o meu número nunha folla e doullo, e ao carallo. Pero tampouco estaba segura, nin sequera sabía como se chamaba ou de onde era...
Pouco antes de me ter que ir, ela levantouse, achegouse a min, e dixo: escoita, teño que marchar, déixoche aquí o meu número por se quedamos un día. E deume esta nota: i need to go out if you want to take a coffe or carajillo de bayleys! mi numeró: Rene.

1 de dez. de 2008

De maior quero ser... Aurora Intuxausti

Aurora ten un traballo que é o soño de caquera, sobre todo de calquera coma min que, pese a renunciar ao xornalismo, algun día entrei na facultade soñando con escribir en El País. Ela escribe na contraportada. Ademáis de querer escribir en El País, algún día quixen tamén escribir contraportadas, porque de pequena lía a Carlos Casares no camiño do kiosco á casa, e o xornalismo era iso para min, esa columna que remataba esperando o ascensor. Cada día Aurora conta como foi de comidiña ou de almorciño con alguén máis ou menos importante e falaron de cousas (nada moi profundo, por favor, que é a contraportada). Por se fora pouco nun recadro ponche o que comeron, e normalmente non é o menú do día (Total: 158E, por exemplo, e seguro que paga a empresa). Agora, con case 30 anos, volvo a soñar con escribir contraportadas en El País. Por favor, señores de El País, ofrézome para ese posto e xuro que o fago por menos cartos ca ela, e que son quen de escoller restaurantes máis baratos. O que si, se pode ser, eu prefiro ir de ceniñas, por exemplo: De cenita con... Bardem. Churrasco, 12E, viño da casa, 6E, postre: gratis. Total: 18E (Sí, xa sei que non como carne, pero por deus, imaxinade a Bardem comendo churrasco... adorable!). E aínda, ao día seguinte, vou e cóntollo a toda España. Señores de El País, págovos eu. Contratádeme, por favor.

30 de nov. de 2008

E-sther

Hoxe desaiunei un iogur de larsa, de vainilla. Sabía a infancia. Gustoume. Tiven esa sensación de cando vas á aldea a comer pan cocido no forno de leña. Notábase que o facían coma sempre, cando eu todavía non sabía ler. Pero agora si que sei. Mirei os ingredientes. Leite, nata, azucre, leite en po desnatado, frementos lácticos, aromas de vainilla e canela e colorantes (E-102, E-110, E-124). Si. O color tamén era o mesmo. Fano coma sempre, coma cando eramos cativos. Busquei en internet, curiosa, sobre esa E. Porque tamén eu me chamo sther e sen embargo no carné aparece con E maiúscula, e sentín medo. En internet acláranmo todo: o E quere dicir que a Unión Europea dí que es legal, en determinadas doses. Que non vas matar a ninguén (en determinadas doses). Pero existe o risco de que me fixeran legal só porque lle conviña a alguén, digamos a unha empresa farmacéutica que me fabrica. Quedei tranquila, porque miña nai non ten ningunha empresa farmacéutica, que eu saiba.
En calquera caso, esta mañá descubrín que non son tan vella como me parecía, que eu xa son da E-xenereixon -os que practicamos a E-alimentación dende o biberón- e decidín que polo tanto me podía permitir ter, tamén eu, un blog no que contar o que me parece, posto que ademáis, cumpro todas as normativas europeas (en determinadas doses). O que non me quedou claro é qué son exactamente: aroma, colorante, conservante, antioxidante, acidulante, edulcorante, espesante, derivado do almidón, saborizante ou emulsionante. Se cadra son un pouco de todo. Pero iso sí, teño que ser un aditivo alimentario, é dicir, que non teño valor nutritivo ningún, e, sen embargo, inda hai xente que quere comer comigo.

http://es.wikipedia.org/wiki/Aditivo_alimentario
.