18 de jun. de 2009

Volver

Dixo que noutra vida fora un monxe tibetano ou algo polo estilo porque cando colleu un deses morteros para facer sons impresionantes, xa o sabía tocar; eu dixen que para min que esta era a miña primeira vida porque todo me parece novo, miro todo coma unha cativa e son curiosa cunha curiosidade infantil sobre case todas as cousas -por isto, me parece, me atraeu algún día o de ser xornalista, porque pensaba que che pagaban por ser curiosa (sen embargo).
Mais acabo de descubir que noutra vida eu fun estatua. Isto encaixa perfectamente coa miña condición infantilista, posto que unha estatua non sabe case nada da vida -so pode saber o que lle está de fronte, e de feito sentirá curiosidade por saber que pasa máis aló do seu ollar (ademais leva unha chea de anos ser estatua, e cando por fin me fixen anacos, os gardians dehí erriba dixeron: vale, vale, non pasou todavía polos pasos intermedios, pero pobriña: é que leva miles de anos na vida!). Agora miro todo coma unha cativa, porque é a miña primeira experiencia vital, na vida. E cando vía a esa xente queda na rúa, a facer a estatua, sempre os miraba e sentía cousas, e turraba de min un algo dentro que me dicía: isto telo que -volver- facer, tí, algún día.
Por todo isto, onte, cando me puxen na Praza de Cervantes tesa coma un pau, sentín vivir algo que xa vivira, algo que sabía facer sen saber por qué: porque eu fun estatua, noutra vida.

Nenhum comentário: