20 de abr. de 2014

CORRER

cando estamos nerviosos o noso corpo cré que hai un león diante.
non é unha broma, é algo ancestral: cré que hai un león diante.

pónsenos a adrenalina a bailar e cagamos pola pata abaixo para alixeirar peso (para a corrida)

polo cal:

resulta estúpido aguantar os nervios no sofá sen poder durmir:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido fumar un pitillo tralo outro:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido tupirse a comer porcalladas:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido coller un avión tentando escapar de metafóricos leóns:
o-ÚNICO-que-pretende-o-teu-corpo-é-CORRER

17 de nov. de 2013

o susto.

a portada de el jueves anuncia que nin a mai de wert o quere; dille, a nai: "non berres!, alguem pode oír cando me dis: mamá". tamén rula por aí a brincadiera esa na que un cativo (pero daría igual se fose unha cativa), di que o seu pai (pero daría igual se fose a sua nai) é streaper; a/o profe cólleo no recreo para recriminalo/a por dicir algo así diante dos outros cativiños, pero o neno asalta: non é verdade, é banqueiro, pero é que me da vergoña. sí, dámonos vergoña.  miramos para outro lado, cantamos la la la tapando as orelliñas. manifestamos opinións pisando beirarúas construídas por empresas corruptas pero que carallo imos facer? ser coherente non se pode, iso xa o aprendín de máis pequena. que todos temos verme dentro (que todos temos veleno dentro) aprendino un pouco máis maior. iso e que o mundo (feito á imaxe e semellanza de quen o fai) non é mais que un espello que nos reflicte e vaia susto, mirarse.

10 de set. de 2013

chegou a guadalupe!

o sistema debería de estar feito para que un poida ser legal, e non o contrario.

con todo cada día non nos queda máis remedio que argallar un milleiro e medio de maneiras de andar polos bordos de fóra do deseño, coma nenos pequenos que -a propósito iso si- debuxaran xustamente no prohibido pero sen que se note demasiado para ver se papá e mamá (ou mamá e papá, na versión políticamente etc) se enteren.

despois, se se decatan, se por un acaso se decatan... quen carallo son eles (precisamente eles que pintan debuxos moito máis grandes e importantes á machada sen que ninguén lles diga absolutamente nada) para dicirnos ren?

porén, berran: berran-nos. e nós -pequenos cativos trapicheando trasnadas- calamos, pechamos o bico do pico, dicimos mea culpa, ficamos castigados pensando "que si, que no, que nunca te decides".

e si. chega a guadalupe. non ten nada que ver con todo isto, pero a vida é así: pase o que pase no mundo, máis tarde ou máis cedo: chega a guadalupe.

23 de ago. de 2013

ñam-ñam

hai unhas vacas transxénicas monstruosas, dí internet. tamén hai hamburguesas feitas con célula madre pero feitas sen cariño, sen amamantar, cunha madre que non é madre nin hostias. ademais invntaron un invento pra imprimir a comida: ollo: non se che remate o cartucho amarelo, se non as bananas saen en branco e negro (que arroz á cubana máis cativo). ás veces penso que o único que lles queda as verduras son precisamente as colores: posúen esa fermosura tan case de mentira que se confunden con esas que se mercaban para decorar e que agora están prohibidas porque disque as comen os cativos: como non as han comer se son exactamente iguais e todo sabe a porespán. o que chamamos porespán é en realidade prolipopileno, unha palabra que aprendín a pronunciar a toda hostia por culpa do meu último espectáculo teatral: poesía de supermercado, un chou que fala sobre comida de maneira poética: á maneira poética do IKEA: unha poética de liña recta, sobria, contemporánea, de versos que se mesturan os uns cos outros e parece que todo queda ben xunto, e ala! xa tes unha saliña apañada. a poética que pode haber, por exemplo, nun blister de xamón (serrano) en lonchas: cando abres -'flaaaaaas'- e cheira que nin diola porque lle botaron nada máis e nada menos que aroma de xamón (serrano): unha esencia pouco natural que aínda non venden el la caja de pandora pero que de seguro tería un grande éxito in the summer, in the night (sempre que non pretendas ligar cun/ha vegan@, claro).

en fin, que fame.


15 de jul. de 2013

cultura do alcohol

abaixo hai un ruido do carallo
miro pola fiestra

uns rapaces novos
están ate as cellas

un sentado enriba dun contedor verde (vidro)
creo que NON está meditando (!)
o amigo (amigo?)
dalle patadóns ao mesmo contedor (cheo de vidro)
co conseguinte ruído de vidro a romper

toda unha diversión (!)

outros amigos (amigos?)
animan a xogada
ouvean
falan a berros da suposta chegada da policía
etc

o meu mozo di que parece unha performance

pero non o é

as performances e a realidade parten de lugares diferentes
a orixe é diferente
índa que  o resultado poida ser semellante

el está de broma, evidentemente
pero eu xa entrei no drama

non sei cando me convertín
na vella que mira pola fiestra
a que desexa chamar por telefón á policía
para que rematen por pechar un bar
que fomenta a mal chamada
cultura do alcohol

e digo malchamada pola palabra: cultura
e pola palabra: alcohol