1 de mai. de 2018

HOY

Tengo pegado el fracaso a la piel
Ya hace tiempo que huelo
A fracaso
Es el miedo
En realidad
Que se viste de fracaso

Hoy me he levantado con el fracaso pegado a la piel
No hay quien lo quite
Es como el pichi
Esa cosa negra
Pegajosa
Todos en el pueblo le llamábamos pichi
Pero era petróleo
Lo sabíamos todos
Que no era máis que petróleo
Pero pichi nos gustaba más
Y los pequeños guardábamos algo de confusión

Es una palabra infantil
Pichi
Una forma de no llamarle mierda a una puta mierda
De no llamarle a las cosas por el nombre

Por eso le llamamos fracaso al miedo que tenemos
Por no llamarle por el nombre
A la puta mierda
Del miedo

Hoy me he levantado con el fracaso pegado a la piel
Pero con menos miedo
Dentro
Lo he sudado
Supongo
Está pegajoso
Mucho
Pero por fin está fuera y no dentro de mi.

25 de fev. de 2017

trump

trump á mañá
e á hora do vermú
e pola tarde
á hora da merenda
e á cea

trump
ate na sopa
do bar da esquina
comendo un menú
do día a día
e de sobemesa
trump con nata
filloas de trump con sirope de chiculate
flan de trump
trump con marmelo
tarta de tres trumps

non hai maneira de que se acabe a ración
de trump
e se non che gusta:
dúas cuncas
de trump
dúas cuncas
e recuncas inda que non queiras
porque trump…
trump queda no forno
como as lentellas
cando eras cativa
ficaban no forno
sempre para despois

trump está sempre aí
tamén cando dormes
e ti érgueste
fresca coma unha leituga
coma se fose un día novo
coma se un día novo fose
mais pronto descobres
que segue aí
trump
a carón do almorzo
co seu tupé
a rentes das torradas
que se colocan en pe
coma muros

trump non durme
por iso non é coma ti
el está sempre aí
trump aparece en calquera lugar
onde menos esperas toparte con el
aparece
ten o poder da aparición
como a virxe
ten o poder da ubicuidade
tamén
trump é divino
omnipresente
omnipotente
omninconsciente

trump

18 de nov. de 2015

10 minutos de silencio

1 minuto non chega a nada
Non da tempo a pasar o límite do pensamento habitual

Fico calada
1 minuto e outro e outro
Tamén porque non teño nada que dicir

10 minutos de silencio
E a voz non sae
Quizais aínda preciso un pouco máis
Outros 10 minutos de silencio
Si
10 minutos máis nos que ver  un vídeo
Que hai no youtube
Que explica todo en 10 minutos

Despois dos segundos 10 minutos
Aínda quedo un pouco máis de tempo en silencio
E logo pregunto a quen está ao meu lado
Se entendeu
O que eu non entendín
En 10 minutos
E temo non poder entender
Nunca xamais

O mundo escorrega entre as engurras do meu pensamento
A masa gris non da
Non é cuestión de tempo
É cuestión de pensamento
De pensamento racional
Do racional que son
Como entender?

Calo
Non teño nada que dicir
Non me saen nin os berros
De tanto non comprender

Veña
Un esforzo sther
Outros 10 minutos de silencio
Porque hai outro vídeo
Que explica en 10 minutos
Os erros fundamentais
Do primeiro vídeo de 10 minutos

Sumo minutos de silencio
Minutos e minutos e minutos e minutos
De silencio
Porén
Non entendín nada de nada
E
Non sei nin como preguntar
Nin que preguntar
Non sei como podo ser tan parva
Para non entender
O que todos parecen ter tan claro
Non sei se é cuestión de información
Dubido
Non sei se son ignorante nada máis

Alivio

Éme fermoso pensar
Por un segundo
Que me falta Wikipedia
Nada mais
10 minutos máis de Wikipedia
E quizais
Poida
Comprendelo
Todo
Todo
Todo

Asumo
10 minutos de silencio despois
Que me faltan outros 10
(Polo menos)

E pouco a pouco perdo a conta dos silencios
E aínda non teño nada que dicir



22 de mai. de 2015

política primaria

fago política primaria:
política do día a día

fago política primaria
cada vez que cociño
cada vez que fago o amor
o sexo
cada vez que escoito música
cada vez que miro o mar
cada vez que durmo
en hoteis de mil estrelas
cada vez que vou de compras
e decido...

cada vez que decido
fago política
primaria

fago política primaria
cando traballo
cando estudio (ao mesmo tempo)
cando fago teatro
cando escribo
un poema
nunha lingua
e non en outra
cando escribo
un poema
que conta unhas cousas
e non outras
fago política cando creo
(de crear)
e a creación
é tamén no que máis creo
(de crer)

fago política primaria
cando lles digo aos máis pequenos
-e pequenas-
como penso
sen pensar nin un segundo
en como pensan eles
para ver se lles abro
o pensamento
a outros mundos
que se cadra non coñecen

fago política primaria.
tento non diferenciar
nin por sexo nin por nada
cada día
tento
e non é fácil

fago política primaria,
e protesto
en voz alta
tamén por dentro.
e xa sei que protestar é pouca cousa

fago política primaria:
tento estar atenta
para non caer en erros fundamentais
tomo café
para estar esperta
mesmo cando durmo
para non soñar soños peores
do que temos neste mundo

fago política primaria
porque ademais de querer
non se pode non facela
estar no mundo xa é
politicamente
incorrecto

fago política primaria,
que remedio!
e son diplomática
día a dia

fago política primaria...
e qué difícil é ser coherente
non roubarse unha a si mesma
o tempo perdido
non roubarse os cartos das cousas serias
para un par de birras pola noite

fago política
como podo
moitas veces
infrinxo as miñas normas
e cambio de chaqueta
mentres vou madurando
de cara aos corenta

fago política primaria
e si: fago apoloxía:
fago apoloxía
da creación
como maneira para a vida
e fago apoloxía
desta política
primaria
do día a día




31 de dez. de 2014

poema achampañado

comer uvas
e brindar
e cantar que viva españa!
comer uvas
esquecer
limpar pasados
que os pasador
doen menos
ben purgados
con champaña
comer uvas
desexar
para o novo ano
menos quilos
e máis cartos

escribir un poema
en fin de ano
un poema
si
un poema case en branco
un poema achampañado
un poema para sempre
en fin de ano

non meter a mato
dimitindo o ébola
nin a mas
na uva nove
nin a podemos na oito
nin a felipe na seis
non meter a bárcenas
nin a pujol
nin a blesa
nin a fabra
non meter nada de nada
nin o fútbol fracasando
nin a urdangarín
rimando con champín
(para os pequechos
da casa)
non meter
á pantoja no cárcere
digo
no poema
non usar transparencias
nin de ley
en fin de ano
non rimar mordaza
con caza
digo
casta
digo
non
pagar
este poema
con tarxetas ilegais
nin invitar sequera
por acaso
ao pequeno Nicolás

escribir un poema
que se poida compartir
na social net
cada ano
en fin de ano
que total
ninguén se acordará
xamais
xamais
xamais
dos poemas escoitados
dos pasados

o bo
deste poema
achampañado
é poder aproveitalo
cada ano
en fin de ano
non gastar palabras
non gastar letras de máis
non gastar apenas nada

recortar en cultura

un ano máis

7 de nov. de 2014

(noite de poesia)

trátase de lanzar
poesía

silencio
branco e negro
poesia ao mundo
preguntome
canta xente
canta
estará
agora mesmo
en boiro
fora de boiro
no mundo
se a xente que escribe o fai así
o primeiro que sae
se non

non me copies
escoito

e somos nada máis que cativos medio grandes
(uns máis ca outros()
a xogar coas palabras

diso viñamos falando,
no coche

con marina

diso mesmo
de xogar e facer
os sábados pola mañá
ou cando sexa

deixolle o sito, a ela.
aquí.

mesmo hai que compartir o ordenador
así mesmo é
como na vida

20 de set. de 2014

moscas

pregúntome
onde van as moscas, cando morren

duran un día e medio
-iso din-

a elas debe de facérselle eterno
(supoño)
como a nós a vida

onde van?
desaparecen?
ninguén as enterra e eu quero saber onde están

no meu cuarto voan moitas veces 5 ou 6
parecen 40
pero deben de ser 7, ou 8
nunca vexo os seus cadáveres

non deixan lixo
nin vivas nin mortas

non lles fai falta reciclar
teñen esa sorte:
non se preocupan por meter os envases no colector amarelo

a vida non se fixo para aforrar en nada
nin sequera se fixo para reciclar

acendo a luz
ben podería subir a persiana e non gastar 5 minutos de lámpada
pero acendo a luz

empeza mal o día
nin unha mosca no chan:
outra vez conseguiron o milagre

teño que mirar en internet
como é
que fan
como fan para non preocuparse de nada
e sobre todo
para voar

as moscas non van ao alcampo
non madrugan para traballar
non van ao ximnasio
non quedan sen batería o dia D
e non fan asembleas
nin reunións
nin constitucións.
nin sequera van votar  unha vez cada catro anos
e non lles importa
aínda máis: non lles importa o partido que nos goberne a nos
(está por ver se lles dá mellor vida o pp, o psoe ou podemos
non hai estatísticas ao respecto)

que pensarán sobre a independencia de catalunya?

hai mosca que morren por sprays asasinos
outras morren debaixo da reixa do matamoscas manual
outras non sei

molestan

moléstanos case todo
a nós

moléstanos aburrirnos
e aos veciños
moléstalles que nos divirtamos:
cando te divirtes moito
sempre podes apreciar
(se te fixas)
alguén que se molesta

é un dato pouco esperanzador

pero é verdade:
so hai que fixarse:
é desas cousas nas que non reparas
ata que te fixas ben

como no das moscas
que nunca están
no chan

15 de jul. de 2014

Patronaxe

De pequena gostaba de facer patronaxe coa miña nai. Había uns pósteres no centro das revistas que se abrían como mapas infinitos dos que saían saias e pantalóns, vestidos. Era incríbel pensar que toda aquela roupa collera dentro daquelas liñas entrecruzadas. Poñías o papel enriba, buscabas as referencias, seguías a liña, escollías a talla e ías sacando a peza. Un pracer inmenso, o de DESCRUBIR. E cando por fin tiña o debuxo completo (algo que pode facer calquera, sen excepción) ficaba orgullosa de ter feito tal cousa, contenta de ser capaz, de comprender, de ter sido quen de mirar de outra maneira, de ter conseguido ordenar os datos para sacar algo produtivo daquela beleza en bruto.


Hai algo de todo isto no mirar unha boa obra de teatro.

19 de jun. de 2014

O principiño

Dende moi pequena soñei que o día en que morrera El Rey o principiño había de dicir:
-Morreu o conto, acabouse a peseta, deixemos atrás esta pantomima: acabouse: caput: se finí. Viva a república!
Non podía entender de ningunha maneira (dende nena, digo) que alguén da nosa quinta (entendendo quinta nun sentido amplo, dende logo) prolongara a agonía dun sistema evidentemente podre, anacrónico.

Hoxe morreume unha ilusión.

Felipe: por qué non mandaches todo a tomar polo cu ao golpe de: veña, fagámolas cousas ben, por unha vez. Tiveches a oportunidade de facer historia en positivo e construíches un elo máis. Escribes en pasado, Felipe. Andas ancorado. Ti, que puideches ser o meu heroe.

E cando miro á cativa que che acompaña e que baixa a cabeciña ante a bandeira e que vive unha vida (literalmente) de princesiña, aínda penso: quizais ela, que é muller, cando lle chegue o día, diga:
-Morreu o conto, acabouse a peseta. Deixemos atrás esta pantomima: acabouse: caput: se finí. Viva a república!

20 de abr. de 2014

CORRER

cando estamos nerviosos o noso corpo cré que hai un león diante.
non é unha broma, é algo ancestral: cré que hai un león diante.

pónsenos a adrenalina a bailar e cagamos pola pata abaixo para alixeirar peso (para a corrida)

polo cal:

resulta estúpido aguantar os nervios no sofá sen poder durmir:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido fumar un pitillo tralo outro:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido tupirse a comer porcalladas:
o único que pretende o teu corpo é correr

resulta estúpido coller un avión tentando escapar de metafóricos leóns:
o-ÚNICO-que-pretende-o-teu-corpo-é-CORRER

17 de nov. de 2013

o susto.

a portada de el jueves anuncia que nin a mai de wert o quere; dille, a nai: "non berres!, alguem pode oír cando me dis: mamá". tamén rula por aí a brincadiera esa na que un cativo (pero daría igual se fose unha cativa), di que o seu pai (pero daría igual se fose a sua nai) é streaper; a/o profe cólleo no recreo para recriminalo/a por dicir algo así diante dos outros cativiños, pero o neno asalta: non é verdade, é banqueiro, pero é que me da vergoña. sí, dámonos vergoña.  miramos para outro lado, cantamos la la la tapando as orelliñas. manifestamos opinións pisando beirarúas construídas por empresas corruptas pero que carallo imos facer? ser coherente non se pode, iso xa o aprendín de máis pequena. que todos temos verme dentro (que todos temos veleno dentro) aprendino un pouco máis maior. iso e que o mundo (feito á imaxe e semellanza de quen o fai) non é mais que un espello que nos reflicte e vaia susto, mirarse.

10 de set. de 2013

chegou a guadalupe!

o sistema debería de estar feito para que un poida ser legal, e non o contrario.

con todo cada día non nos queda máis remedio que argallar un milleiro e medio de maneiras de andar polos bordos de fóra do deseño, coma nenos pequenos que -a propósito iso si- debuxaran xustamente no prohibido pero sen que se note demasiado para ver se papá e mamá (ou mamá e papá, na versión políticamente etc) se enteren.

despois, se se decatan, se por un acaso se decatan... quen carallo son eles (precisamente eles que pintan debuxos moito máis grandes e importantes á machada sen que ninguén lles diga absolutamente nada) para dicirnos ren?

porén, berran: berran-nos. e nós -pequenos cativos trapicheando trasnadas- calamos, pechamos o bico do pico, dicimos mea culpa, ficamos castigados pensando "que si, que no, que nunca te decides".

e si. chega a guadalupe. non ten nada que ver con todo isto, pero a vida é así: pase o que pase no mundo, máis tarde ou máis cedo: chega a guadalupe.

23 de ago. de 2013

ñam-ñam

hai unhas vacas transxénicas monstruosas, dí internet. tamén hai hamburguesas feitas con célula madre pero feitas sen cariño, sen amamantar, cunha madre que non é madre nin hostias. ademais invntaron un invento pra imprimir a comida: ollo: non se che remate o cartucho amarelo, se non as bananas saen en branco e negro (que arroz á cubana máis cativo). ás veces penso que o único que lles queda as verduras son precisamente as colores: posúen esa fermosura tan case de mentira que se confunden con esas que se mercaban para decorar e que agora están prohibidas porque disque as comen os cativos: como non as han comer se son exactamente iguais e todo sabe a porespán. o que chamamos porespán é en realidade prolipopileno, unha palabra que aprendín a pronunciar a toda hostia por culpa do meu último espectáculo teatral: poesía de supermercado, un chou que fala sobre comida de maneira poética: á maneira poética do IKEA: unha poética de liña recta, sobria, contemporánea, de versos que se mesturan os uns cos outros e parece que todo queda ben xunto, e ala! xa tes unha saliña apañada. a poética que pode haber, por exemplo, nun blister de xamón (serrano) en lonchas: cando abres -'flaaaaaas'- e cheira que nin diola porque lle botaron nada máis e nada menos que aroma de xamón (serrano): unha esencia pouco natural que aínda non venden el la caja de pandora pero que de seguro tería un grande éxito in the summer, in the night (sempre que non pretendas ligar cun/ha vegan@, claro).

en fin, que fame.


15 de jul. de 2013

cultura do alcohol

abaixo hai un ruido do carallo
miro pola fiestra

uns rapaces novos
están ate as cellas

un sentado enriba dun contedor verde (vidro)
creo que NON está meditando (!)
o amigo (amigo?)
dalle patadóns ao mesmo contedor (cheo de vidro)
co conseguinte ruído de vidro a romper

toda unha diversión (!)

outros amigos (amigos?)
animan a xogada
ouvean
falan a berros da suposta chegada da policía
etc

o meu mozo di que parece unha performance

pero non o é

as performances e a realidade parten de lugares diferentes
a orixe é diferente
índa que  o resultado poida ser semellante

el está de broma, evidentemente
pero eu xa entrei no drama

non sei cando me convertín
na vella que mira pola fiestra
a que desexa chamar por telefón á policía
para que rematen por pechar un bar
que fomenta a mal chamada
cultura do alcohol

e digo malchamada pola palabra: cultura
e pola palabra: alcohol

13 de abr. de 2013

artigo 3


dúbidas mañaneira estúpidas arredor da primeira oración do artigo 3 da constitución española.

"El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla".

pregúntome se se lle pode poñer unha multa a un cativo español de ano e medio (ou encarcelalo, quen sabe, nun reformatirio de menores, por exemplo), por non coñecer o castelán.  tampouco sei como vai o tema das multas por falar mal o castelán, se é peor meter mal o pronome ou usar mal o pretérito pluscuamperfecto. tamén me gostaría saber se, por exemplo, un chinés que se acaba de nacionalizar español, ten un tempo de marxe antes de que lle poidan multar por non colocar ben os adxectivos nunha oración. gostaría tamén de saber se ser galego, alixeira a multa ou condena de, por exemplo, usar mal os tempos compostos. e interésame particularmente saber se no caso de usalo para escribir, é moi grabe, perdón, grave,  escribir todo en minúsculas ou cambiar a o b polo v.

a cousa é que por outra banda, estoume dando conta de que tampouco tes o deber de usar o castelán, así que sempre podes alegar, por exemplo, en chinés, en galego, en linguaxe de signos ou mesmo por telepatía, que ti coñeces perfectamente o castelán, pero que non che da a gana de usalo, e que como non tes o deber de facelo... non a vas facer, e que non che poden multar.

aínda unha última cousiña: coñecer (http://www.wordreference.com/definicion/conocer) o castelán significa saber usalo... ou non?

bom, teño que durmir máis.
se non, non me entero de nada.


9 de abr. de 2013

loito


morreu sarita montiel. morreu a thatcher. tamén morreu sampedro, i eu penso naquel amante lesbiano que tiven unha vez (dicíalles ás miña colegas: por un día, só por un día, inda que sexa só por un día, teríades que probalo, a el, as súas mans, a sua pel, a EL).

piazzola non morreu hoxe: morreu fai vinte anos, mais eu confundo todo, i é coma se morrese hoxe, fai media hora.

os que si que morreron son dous anónimos compostelanos. mais eles non morreron de vellos, que morreron porque se mataron. é raro que saia nos xornais porque non se pode propagandar sobre a morte a un mesmo. mais hoxe non lles importou, propagandar: porque a noticia, o noticiable, non é ese suicidio en parella, senón o mal que vai o país. se se mataran por amor (coma romeo e xulieta) xa sería outro cantar, e non nos enterariamos de nada.

bembidos ao noso mundo, o mundo no que a xente xa non se mata por amor.
nin sequera nun abril de chuvias mil.

16 de mar. de 2013

kaleidoskopica-mente

no pasado, as cousas caducaban ao día seguinte. no face, caducan moito antes: todo apodrece en segundos: hai que botar sempre leña ao lume, hai que estar sempre ahí. que rapidez. que presa. que obsesión. de shakespeare non sabemos nada e de lope sabemos tanto que non sabemos nada e iso é a metáfora teatral do día. quero que quede claro que últimamente nin sequera podo dicir que me quiten lo follao: que xa se acaba todo antes do primeiro polvo, que fico en interruptus sen sequera o coito.inda non nadei este ano: o mar está fermoso, e onte miraba para el e dábame gana, mais dábame medo. o medo é un elemento conservante coma os E-200, e os conservantes son conservadores. a veces estou triste e a veces, alegre. tamén hai xente que non me quere ou que non me entende para nada. xente que fala mal detrás de min, e hai que apandar. en realidade eu tamén falo mal do que me sae do cu, así que. das contradiccións da vida hoxe non teño nada que engadir, sinxelamente: to be: son, están: ás veces faría falta este verbo que unira tamén en galego esta dicotomía latina, para que nos déramos conta que, se callar, son o mesmo. coma o corpo, e a mente: unha palabra que os unira. mais se houbera palabras para todo, deixaríamos de crear, de ser. crear e ser tamén son o mesmo. e a vida non é mais que un kaleidoskopio.

31 de jan. de 2013

a pique.


hai que ser parvo pra roubar na propia empresa.

pra facela ben, un debe de coller a marxe de beneficios: tentar gañar o máximo consumindo o mínimo, pra poder así facer a piscina no chalet. se pides un crédito para a túa empresa, e cos cartos que pediches, fas a piscina directamente, a cousa non funciona. algún día estoupa todo.

eu xa levo un tempo pensando que isto que todos chaman crise non é máis que un sistema de reaxuste natural do desbaraxuste no que vivimos. como aquel que dixera que a sida apareceu no mundo porque comezabamos a fodernos demasiado os uns aos outros e había que parar o tema dalgunha maneira.

e pensei: cando non haxa nada que roubar ahí arriba, cando menos todos ises que fan a política pra meter man, terán que tentar sorte noutra historia.

porén, hainos parvos. a quen se lle ocorre coller o barco cando xa está a medio a pique, e por riba, entrar a martelazos, pra que entre máis auga?

pero por favor, non nos sorprendamos hoxe, que xa sabiamos todos que os reis eran os pais, e se hoxe estamos de berrinche, é nada máis porque nolo dixeron á cara, pero hai anos que levamos falando disto polos pasillos do colexio.

con que cartos habías de pagar tantos silencios como fan falta ahí arriba? a quen pedirllos cando a tua prima (e a nosa!), xa non nos avala: cando xa nin cofidis se fía de nós.

eu non entendo nada de política. absolutamente nada. é dificil, entender.
por se fóra pouco, tampouco entendo nada de manifas, dende que un día, hai xa máis de dez anos, corrín aquela puta maratón do carallo diante dunha masa imunda de poliziotti.

a min, non me gusta correr.
gústame ir ao meu aire. e mirar o mar.